Monday 06 de May de 2024

O Concello de San Sadurniño inicia as obras da nova potabilizadora do Camiño Arriba


A infraestrutura pretende solucionar os problemas de abastecemento que se veñen producindo desde hai anos neste lugar da parroquia de Lamas

 

Os depósitos da futura potabilizadora do Camiño Arriba van collendo forma a pesar de que as obras empezaron esta mesma semana. Tras desmontar a zona o luns, a empresa que se encarga do proxecto deulle brío aos traballos e entre onte e hoxe xa teñen moi avanzada a cimentación e mesmo se intúe mirando a ferralla o tamaño e a distribución que terán as instalacións. A súa función, unha vez que estean rematadas, será dobre. Por unha banda almacenarán a auga proveniente dunha captación situada nas proximidades e, por outra, contarán con elementos filtrantes e de tratamento tal e como esixe a normativa de auga para consumo domiciliario. O proxecto ten un custe de 34.000 euros sufragados con cargo á liña non competitiva do Fondo Ambiental. Trátase dunha infraestrutura demandada pola veciñanza da zona a raíz dos problemas de abastecemento e de calidade das augas que veñen arrastrando desde hai anos.

O Camiño Arriba é, xunto co Camiño Grande -en Igrexafeita-, un dos lugares de San Sadurniño que máis acusa a falta de auga por mor do descenso das chuvias e dos veráns cada vez máis longos. A este problema hai que sumarlle o da mala calidade das subministracións particulares, debida a instalacións que carecen de respiradoiros nin elementos filtrantes, pero tamén á penetración de raíces dos eucaliptais próximos e á proliferación de microorganismos no interior dos pozos. Factores que desaconsellan en moitos casos consumir a auga sen antes tratala de forma axeitada e razón pola que o Concello, en colaboración coa veciñanza, buscou un novo manancial capaz de abastecer toda a zona.

A auga apareceu pegadiña á pista polideportiva e a escasos 25 metros de profundidade, en cantidade máis que suficiente e cunha calidade excepcional en canto á súa composición e pureza. Nun monte anexo á pista, a uns quince metros do punto de captación, é onde se está construíndo a pequena ETAP, que terá unha capacidade de almacenaxe de 50.000 litros repartidos en dous depósitos, ademais de levar un sistema de bombeo e elementos de filtraxe e de clorado. A maior parte da edificación vai encaixonada no ribazo do monte, de maneira que desde fóra só se verá unha pequena parede coa porta de acceso, mentres que o resto das instalacións quedarán ocultas no propio terreo.

Pero dispoñer de auga e dun lugar para almacenala e tratala non é máis que a solución á primeira parte do problema, posto que despois hai que facer que chegue ás casas por medio dunha rede de abastecemento. O Concello baralla dúas posibilidades. A primeira é preparar unha memoria valorada da rede que será necesaria e que despois sexa a veciñanza quen se encargue de construila e xestionala por medio dalgunha fórmula asociativa, como podería ser unha comunidade de augas.

A segunda opción é que o Concello se encargue directamente do sistema de condución aos domicilios, co que as persoas usuarias terían un servizo semellante ao que hai na zona urbana. A elección dunha fórmula ou outra será algo que se consensúe coa veciñanza, a quen xa se lle adiantaron ambas posibilidades nun encontro mantido o pasado mes de marzo.

O investimento que se está levando a cabo nesta fase inicial supera os 34.000 euros, provenientes do Fondo Ambiental ao que poden acollerse aqueles municipios con instalacións eólicas no seu territorio. O fin último da nova infraestrutura é “solucionar nesta zona os problemas que teñen coa auga, ben por falta dela ou pola súa mala calidade”, comenta Secundino García. O alcalde lembrou tamén que o arranque da obra “supón o impulso definitivo a algo no que levamos traballando man con man coa veciñanza desde hai arredor de dous anos”.

A este respecto, García sinalou, ademais, que o Goberno Local continúa “buscando solucións” para o caso dos lugares do eixo A Torre-O Camiño Grande, en Igrexafeita. Alí o problema coa auga é outro. Hai moita e moi abundante, pero cunha composición en minerais e metais que desaconsellan o seu uso para o consumo humano e incluso en lavadoras, lavalouzas e outros electrodomésticos. “En Igrexafeita fixéronse catas e todas elas co mesmo resultado, xa sabido pola veciñanza. Hai auga, pero encóntrase nun subsolo de grande complexidade e variedade xeolóxica, polo que atopar un acuífero axeitado é unha lotaría. A auga contén ferro e outros minerais que acaban estragando bombas, quentadores e calquera aparello ou equipamento metálico polo que pase, ademais de non ter uns parámetros axeitados para o seu consumo. A cousa non ten solución doada e seguramente haxa que traer a auga por gravidade desde a outra banda do río ou incluso desde o Forgoselo. Iso é o que se está mirando neste momento para ver que opción é a máis viable técnica e economicamente”, explicou o alcalde.